7 de noviembre de 2024

Somos MathCityMap!!!

Estreamos as entradas do noso blog neste curso para comunicarvos unha boa nova. 

Acabamos de recibir a notificación oficial de que o noso centro foi admitido como Escola Asociada do proxecto MathCityMap, unha ferramenta desenvolvida pola Universidade Goethe de Frankfurt para incentivar o uso aplicado das matemáticas fóra da aula.

Podemos dicir fachendosos que somos o primeiro centro escolar de Galicia que se une a este proxecto. Algo que logramos grazas aos roteiros matemáticos que o centro leva dous anos desenvolvendo co alumnado de terceiro curso, e que pronto se extenderá a outros.

Estes Roteiros Matemáticos consisten en camiñatas guiadas por un mapa interactivo. O alumnado observa a súa posición nas pantallas dos seus móbiles e enfróntase a retos matemáticos relacionados coa contorna na que se atopa.

Resolver estos retos implica explorar, medir e/ou inferir sobre un obxecto. Hai pistas e máis ou menos puntuación segundo as respostas correctas. Son retos que precisan da interpretación do contexto no que se atopan e da modelización matemática das diferentes situacións. Ademais, contribúen á valoración dos espazos públicos e do noso patrimonio natural e cultural.

Animámosvos a participar deste proxecto tamén no voso tempo libre, facendo uso das varias rutas públicas que podedes atopar pola vila. Só tendes que descargar a aplicación MathCityMap nos vosos móbiles ou tabletas (Android ou IOs) e activar a localización GPS para buscar as rutas máis cercanas. Na nosa vila temos tamén pequenas rutas para pasar un pedaciño entretido cos máis pequenos, desde 1º de primaria.

Pronto máis novidades.


No hay comentarios:

Publicar un comentario