14 de noviembre de 2021

Semana coa vista no ceo

 Podemos atopar matemáticas en todas as facetas da vida e da ciencia, pero cando máis lonxe imos máis difícil é atopar respostas sen as matemáticas. Se a base de ir lonxe marchamos da Terra e nos achegamos ao Universo xa todo é matemática: cálculo de distancias e órbitas, modelización de sistemas, previsión de traxectorias ... Por iso a Astronomía estará con nós neste blog á par da matemática.

E esta semana empezamos animándovos a madrugar. A case ninguén lle gusta, pero estes días vai pagar a pena observar o ceo, pois imos ter dous acontecementos importantes.

AS LEÓNIDAS.

Trátase dunha choiva de estrelas (meteoros en realidade) provocada polos restos de po do cometa Tempel-Tuttle. 

Aínda que está a ser visible desde o día 6 e ata o día 30 deste mes, a súa máxima actividade será o mércores 17 de novembro. Así que animádevos a botar un ollo. Debido a que este ano coincide cunha lúa case plena (estará ao 97%) o máis recomedable é esperar a que esta se poña, o que ocorrerá sobre as 7 da mañá. Isto permítenos non madrugar en exceso, pero hai que ser puntual para que non nos colla a alborada.

ECLIPSE PARCIAL DE LÚA.

Terá lugar na mañá do venres 19 de novembro. Comezará ás 7:02 na súa fase penumbral, pero a sombra iniciarase ás 8:19 e chegará á súa máxima ocultación sobre as 10 da mañá. Lamentablemente para entón a lúa xa se terá ocultado e non a poderemos observar. Por iso debemos aproveitar os poucos minutos de observación que teremos ata que a lúa se oculte a iso das oito e media.

Que mellor xeito de comezar o venres que desfrutando do inicio dunha eclipse antes de comezar as clases!!!

E se non queredes madrugar, podedes botar un ollo ao ceo na bocanoite. En canto o ceo escureza mirade ao sur. Observade a Lúa e veredes tres luces cara á dereita. A primeira  é Xúpiter; a seguinte, algo máis pequena, é Saturno; e a última, máis brillante, é Venus. 

Imaxe de stellarium-web.org

E por esta semana xa está ben. 

Non deixedes de seguirnos, pronto teremos máis cousiñas.

2 comentarios: